O Extrugasa volve decepcionar na casa

extrugasa250_201008.jpgVILAGARCÍA > Fontecarmoa segue á espera de celebrar esta tempada unha vitoria das rapazas do Extrugasa. A afección arousá de momento só pode celebrar os bos resutlados do Inelga en Liga EBA.

O Extrugasa non consigue amosarlle un triunfo na casa ós seus afeccionados. O sábado recibiron en Fontecarmoa ó Ibiza e acabaron perdendo por 44-56. Un encontro no que as arousás cometeron unha gran cantidade de erros e lle deron tódalas facilidades ás súas rivais.

O partido non empezou mal para as locais, con Miriam Herrera inspirada na captura de rebotes e con Young, que anotou sete dos seus dez puntos nos primeiros sete minutos de xogo, o Extrugasa conseguiu seis puntos a favor ó final do primeiro parcial. Un triple desde oito metros de Sara Gómez elevou a nove o marxe das locais, pero a partir de aí comezou o declive das de Isaac Fernández.

Incomprensiblemente, a aleiro búlgada Zlatanova cargouse con tres faltas en apenas un minuto, provocando un problema importante na rotación exterior. O que aproveitaron as visitantes, comandadas por Jordi Fernández, curiosamente pai de Isaac, o adestrador local. Foron reducindo a desventaxa ata colocarse a 27-27 para o descanso. A volta, o Ibiza aproveitou a imprecisión das locais para adiantarse e no minuto 28 de partido xa se colocou 32 a 44.

Zlatanova e Asurmendi con dúas boas accións individuais déronlle un empuxón ó Extrugasa que acurtou distancias ata porse a 3 puntos pero o cansazo acusou novos erros e imprecisións nas locais, o que lle permitiu ás baleares anotarse a vitoria.

VITORIA DO INELGA

Quen si lle brindou a súa segunda vitoria da tempada ós afeccionados de Fontecarmoa foi o Inelga despois de derrotar sen problemas ó Basquet Xiria por 90-67. Os arousáns controlaron desde o primeiro cuarto cun xogo vibrante. O adestrador visitante pediu tempo para tratar de frear esta avalancha dos de Espiñeira pero non lle deu resultado e xa no primeiro período quedou 9 puntos por detrás do Inelga.

Do bando dos vilagarciáns destacou o acerto no tiro de triples dos seus xogadores exteriores, como Gustavo Andújar e Pablo Villaronga. Co nestas canastras o partido quedou practicamente sentenciado ó descanso, cunha vantaxe de 16 puntos. Á volta, o Inelga mantivo a intensidade defensiva e conseguiu despegar a súa renda ós 23 puntos. Juan Espiñeira deulle entrada a Adrián González que cun triple anotou o definitivo 90-67.

Redacción Salnés