A Pobra clausura as X Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán

    ofrendavalle-inclan-031108.jpgPOBRA > No peche das Xornadas participou o director xeral de Turismo e o cónsul de Uruguai.

    Esta pasada fin de semana púxose o broche final á programación deseñada conxuntamente pola área de Cultura da Pobra do Caramiñal e a dirección do Museo Valle-Inclán coa tradicional ofrenda floral diante do busto do escritor na praza do Cantón da Leña. Este ano, do mesmo xeito que xa se realizara en anos anteriores cunha delegación arxentina, cubana ou mexicana, o acto serviu para irmana-la Pobra do Caramiñal con Uruguai rememorando as viaxes realizadas polo autor de Luces de Bohemia a este país, e analiza-las repercusións que estas tiveron na súa creación literaria.

    Durante a súa intervención a edil de Cultura, Encarnación González, fixo referencia á importancia que ano tras ano están a acadar estas Xornadas, tendo ademais un recordo especial para o escritor Anxo Rei Ballesteros, falecido a pasada semana e que tiña unha gran vinculación con este municipio.

    Pola súa banda o alcalde, Isaac Maceiras, agradeceu a presenza tanto do director xeral de Turismo coma do cónsul de Uruguai, convidado en lembranza da viaxe que Valle fixo a este país no ano 1910.

    Este último destacou ademais a boa identificación de Valle coa cultura do seu país, que se plasmou fielmente na súa obra, sendo ademais un escritor consagrado e un referente para a toda a intelectualidade.

    Ofrenda floral

    Logo do acto institucional no propio auditorio do museo, a comitiva de autoridades desprazouse ó exterior das instalacións, onde ó pé da escultura en homenaxe ó escritor se realizou unha ofrenda floral baixo os acordes do himno galego interpretado pola banda de gaitas A Gandaina e se descubriu tamén unha placa conmemorativa do acto.

    Redacción Barbanza