As Torres asina un convenio para a promoción de deportistas

piraguismo250_051108.jpgCATOIRA > O Concello de Catoira colaborará co Club As Torres Romaría Vikinga nun programa de promoción de piragüismo, despois de ter asinado un convenio coas Federación Galega e Española. O obxectivo deste acordo é potenciar o perfeccionamento e a tecnificación dos deportitas para que poidan ter un futuro na alta competición.

O Club de Piragüismo As Torres Romaría Vikinga será beneficiario dun convenio asinado por catro partes: Federación Galega, Federación Española, concello de Catoira e o propio club, para o desenvolvemento dun programa de promoción deportiva do piragüismo, na especialidade de augas tranquilas.

A sinatura deste acordo ten por obxecto coordinar esforzos, tanto económicos como de xestión que se están a realizar por parte do club, concello e federacións e impulsar as carreiras dos deportistas para que poidan ter a posibilidade de chegar á élite.

Por iso a Federación Española de piraguismo comprométese a facer unha achega mensual de 700 euros qiue irían destinados a un técnico – coordinador do programa.

As federacións española e galega, serán conxuntamente, as encargadas de establecer e aplicar os criterios de selección dos deportistas que van participar no programa, así como de facer un seguemento e control do mesmo e do grupo de adestradores e deportistas.

O Concello pola súa parte colaborará con outros 700 euros mensuais e levará a cabo campañas de divulgación e captación de mozos e mozas para a práctica do piraguismo; destinará os fondos necesarios para o mantemento do programa e facilitará os medios e instalacións que estén ó seu alcance.

Unha boa nova por tanto, non so para As Torres, senón para todo o piraguismo galego, o máis potente do panorama nacional.

Redacción Salnés