A abstención do PP permite a conxelación de impostos

    pleno_vilagarcia100_071108.jpgVILAGARCÍA > O equipo de goberno sacou adiante a proposta de conxelar as taxas e impostos municipais no vindeiro ano.

    No pleno extraordinario celebrado onte, os grupos da corporación aprobaron provisionalmente o plan de crise do goberno local a pesar de considerar que moitas das rebaixas son insuficientes. Despois de debater durante dúas horas as medidas de conxelación fiscal propostas polo goberno de Vilagarcía para o 2009, o pleno dou luz verde a este plan de crise sen que se realizase ningunha modificación nel. O goberno local non aceptou ningunha das enmendas presentadas polos grupos da oposición. Todos consideran que as rebaixas propostas polo bipartito son pobres, aínda que as críticas de cada grupo van por camiños diferentes.

    Esquerda Unida abstívose nas votacións despois de que o goberno rexeitase a súa proposta de dividir Vilagarcía en diferentes zonas para que cada veciño pague as cotas municipais en función dos seus ingresos e dos servizos que reciba. Tampouco os independentes de Vilagarcía conseguiron que se conxelase a taxa de saneamento. Esta cota, xunto co recibo de auga, serán os únicos que subirán para o ano. Farano nun 5,3%. O motivo desta suba é que se trata de servizos que non dependen directamente do concello, senón que están contratados a outras empresas e o convenio obriga a este incremento anual de tarifas.

    Pola súa banda, o Partido Popular votou en contra de tódalas ordenanzas agás da que regula a suba de taxas ós transportes especiais, na que se abstiveron. Alegan que estas medidas non benefician ós vilagarciáns e, no caso da nova cota pola instalación de caixeiros e máquinas expendedoras na vía pública din que perxudicará ós pequenos comerciantes.

     Redacción Salnés