Sube o paro en España ata preto dos seis millóns de persoas

     RÍAS BAIXAS> Cumpríronse os peores prognósticos respecto ás cifras do paro. Tal e como xa adiantaran os datos do Eurostat,…

    {flowplayer}images/salnes/paro_sindicatos_240113.flv{/flowplayer}

     … España rolda unha media de seis millóns de parados nos tres últimos meses do ano pasado, o que supón un índice de desemprego do 21.2%. Analizados ó detalle os datos arrepían aínda máis: neste case último ano desde a reforma laboral perdéronse 851.000 empregos dos que só se contabilizan a día de hoxe uns 691.700; posto que os que faltan xa emigraron ou decidiron deixar de buscar emprego.

    Un dos colectivos máis golpeados pola falla de ocupación laboral é o da xente moza. Durante o ano pasado o 55% dos menores de 25 anos do noso país; uns 930.200 homes e mulleres, non foron quen de encontrar traballo malia seren a xeración con mellor formación da historia do noso país.

    Cabe sobrancear tamén os parados de longa duración que durante o ano pasado se incrementaron en 2.6 millóns máis. Aínda máis, a esta EPA reflicte que hai 1.83 millóns de fogares españois nos que tódolos seus membros están no paro; o que supón un incremento durante o 2011 dun 16.43 %.

    En Galicia as cousas non van mellor. A cifra de parados ascende a 277.400 persoas, o que supón o 21.28 % da poboación activa. Nos últimos tres meses do ano pasado perdéronse uns 13.400 traballos. A Conselleira de Traballo Beatriz Mato encaixaba dificilmente estas cifras defendendo que Galicia non era a peor Comunidade de España en materia de emprego.

    No Barbanza, a UXT defende que a industria conserveira é a que está a salvar a situación, sobre todo no eido do emprego feminino, aínda que as condicións laborais non sexan as mellores. UXT denuncia que a reforma laboral é culpable en gran medida desta situación; posto que ningunha reforma deste tipo leva a crear emprego senón a precarizalo e facilitar as manobras interesadas do empresariado en detrimento dos logros históricos da clase traballadora. De feito, denuncia que a día de hoxe son moitos os membros da patronal que fan uso e abuso desta reforma para cambiar uns traballadores con dereitos adquiridos por outros en condicións laborais ínfimas para aumentar a súa marxe de beneficios.

    Á vista destes datos, o Secretario de Estado de Economía e Apoio a Empresa, Fernando Jiménez Latorre recoñeceu que ó longo de este ano non se agarda que se chegue a crear emprego.

    Redacción Salnés