Cea oponse á instalación dunha antena de telefonía móbil

    protesta_vecinos_cea_100_100209.jpgVILAGARCÍA> A empresa Vodafone España solicitou unha licenza para montar unha estación base nunha casa deshabitada.

    {flowplayer}images/salnes/100209_vecinos_cea.flv{/flowplayer}

    A vivenda na que se prevé instalar a estación base de telefonía móbil está situada no número 34 da zona de O Vento, en Cea. Hai quince días que o concello de Vilagarcía se dirixiu por correo ós catro veciños da casas colindantes para comunicarlles a posibilidade de que a empresa Vodafone monte no lugar esta antena de telefonía. Na misiva, o goberno local informa do dereito dos remitentes a presentar alegacións a esta solicitude nun prazo máximo de 10 días, algo que xa comezaron a facer. En canto ó propietario da vivenda, os afectados aseguran que aínda non puideron falar con el por estar desaparecido.

    Os veciños opóñense a que a antena se instale en pleno núcleo rural polos prexuízos que as radiacións lles poidan ocasionar á súa saúde. Admiten que esta infraestrutura é necesaria porque hoxe en día a meirande parte da poboación ten teléfono móbil e precisa cobertura. É por isto que propoñen que se busquen emprazamentos alternativos, como a zona de O Pousadoiro ou incluso terreos da Comunidade de Montes.

    Con respecto ó concello, os afectados xa se puxeron en contacto cos técnicos municipais para coñecer o alcance deste proxecto. Os veciños sosteñen que non pretenden ir contra goberno local, e confían en que o executivo atenda ás súas peticións.

    Ata entón, os habitantes de Cea seguirán a reunir sinaturas para presentalas ante o concello e conseguir frear así a concesión da licenza. Polo de agora xa teñen máis dun cento de firmas. De non acadar este obxectivo, a asociación de veciños ameaza con emprender medidas legais.

    Redacción Salnés