SALNÉS > Victoria in extremis do Hermanos Barbeito, que cun gol a sete segundos para o final levouse os tres puntos ante o Redondela. Pola contra o Grupo Junquera caeu en Lugo, sumando así a súa segunda derrota consecutiva.
Partido non apto para cardíacos. Esperábase que o Redondela lle plantase cara ó Barbeito, pero non ata tal extremo. Foi un partido no que as defensas impuxéronse ós ataques, sobre todo na primeira metade.
Ningún dos dous equipos era quen de perfora-la portería rival. Co 0-0 e a punto de chegar ó descanso o técnico local quixo arriscar sacando á pista porteiro-xogador, e a aposta saíulle mal. Dous goles do Redondela puxeron costa arriba o encontro aínda que Pibe foi quen de reducir a desvantaxe xusto antes de irse ós vestiarios.
Na segunda metade sí que saíron máis centrados os portonoveses, que pouco a pouco foron atopando o camiño cara o gol. Déronlle-la volta ó resultado e puxéronse 4-2 por diante a falta de catro minutos. E a partir ahí, o encontro toleou.
O Barbeito relaxouse e cometeu dous erros que lle custaron o empate. Cando todo semellaba que ía a rematar en táboas, apareceu Pedro, que robou un balón en mediocampo e sorprendeu cun disparo duro ó porteiro visitante, para a falta de tan só sete segundos poñer o 5-4 definitivo.
Tres puntos importantes para o Barbeito, que son segundos na xeral e que visitarán a semana que ven a un renacido Troula, que se reforzou con boas fichaxes nos últimos días e esta xornada xa venceu a domicilio ó poderoso Esteo.
O Esteo será precisamente o equipo que reciba o Grupo Junquera a vindeira semana en Fontecarmoa. Nesta, os de Diego Mollinedo non puideron vencer, semella que están a atravesar un pequeno bache.
O seu verdugo foi desta volta o Pontenova, que lle superou por 4-2. Os vilagarciáns acusaron as importantes baixas de Oscarín e Marcos, pero aínda así plantaron cara. Foi un choque de poder a poder, sen dominador claro e que chegou empatado ós intres finais.
Os locais estiveron máis acertados neses últimos minutos e retiveron os puntos. Alónxase da cabeza o Junquera, xa está a oito puntos do líder e cae á sexta praza.
Redacción Salnés