A xunta local da parcelaria de Vilariño dá luz verde ó Acordo de Concentración

    parcelaria_vilario_100_021208.jpg CAMBADOS > Representantes dos propietarios apoiaron o acordo na xuntanza desta mañá co delegado provincial do Medio Rural.

    A xunta local da parcelaria de Vilariño apoiou de xeito unánime o Acordo de Concentración nesta parroquia cambadesa. Así llo informou esta mañá ó delegado de Medio Rural na provincia de Pontevedra, Gonzalo Constenla. Este novo documento recolle as 45 alegacións presentadas ó proxecto inicial e que a empresa adxudicataria das obras deicidiu estimar. Logo deste informe favorable, o seguinte paso será que a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias aprobe o acordo. Deste xeito poderá notificarse ós propietarios a nova situación das fincas.

    As 1254 parcelas que había antes da concentración pasarán a ser agora 501. Constenla non quere falar aínda de prazos para a entrega das fincas, xa que dependerá do número de alegacións que se presenten ó Acordo. Este novo documento forma parte dun plan bianual impulsado por Medio Rural para dinamizar o rural do concello. O delegado provincial informou tamén das obras de mellora dos camiños da parcelaria.

    Mañá reuniranse os técnicos da delegación provincial cos veciños para facer unha limpeza da vexetación que medrou ó pé estes viais. Este anuncio prodúcese logo de que hai uns meses o alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís, denunciase o abandono da parcelaria de Vilariño e o mal estado no que se atopaban as súas pistas de acceso. O delegado de Medio Rural rexeita entrar en polémicas e invita á colaboración entre institucións.

    Redacción Salnés