A Deputación investiu este ano no Salnés máis de 27 millóns de euros

    louzan_salnes_balance_100_221208.jpgVILAGARCÍA > Esta partida destinouse á mellora de infraestructuras e á dinamización social, cultural e deportiva da comarca.

    Rafael Louzán presentou esta mañá á Deputación como a administración que máis está a investir na comarca do Salnés, por riba da Xunta ou do Goberno estatal. Segundo Louzán, o organismo provincial dedicou no 2008 máis de 27 millóns de euros á mellora de infraestruturas e á dinamización social, cultural e deportiva da comarca. Entre as actuacións levadas a cabo nestes eidos, Louzán subliñou a creación de 12 campos de fútbol de herba sintética, a mellora de centros culturais ou a dotación de 50 furgonetas para colectivos con algún tipo de discapacidade. O presidente da Deputación amosouse tamén moi satisfeito coa colaboración que están a manter cos concellos. Como exemplo, o proxecto de rehabilitación de espazos naturais en Meis, Meaño e Ribadumia.

    Rafael Louzán aproveitou para repasar outros plans que a deputación porá en marcha, como a construción dunha rede de pousadas na comarca ou o proxecto Wimax, que levará a banda ancha a 55 concellos da provincia. Trátase de dúas actuacións que contan con fondos europeos e terán un orzamento próximo ós 15 millóns de euros. No caso da rede Wimax, comezaranse a facer as primeiras probas a principios de ano.

    A estas axudas sumarase o fondo estatal de 160 millóns de euros para os concellos de Pontevedra, e o plan anticirise da Deputación, con 300 millóns de euros para a mellora de infraestruturas e servizos básicos.

    Redacción Salnés