Malestar entre os inquilinos das vivendas sociais de Escarabote por non poder optar á súa compra

    BOIRO> Propietarios en réxime de alugueiro das vivendas sociais de Escarabote veñen de amosar o seu malestar coa Consellería de Vivenda, ó negarlles o dereito de poder pasar ó rexime de compra-venda.

    Lonxe queda o acto de entrega oficial das chaves ós propietarios en réxime da alugueiro das vivendas sociais de Escarabote, celebrado na propia casa consistorial boiresa, coa presenza do delegado provincial de Vivenda, Xoán Carlos Bascuas en 2007. Daquela todo eran mostras de ledicia. Xosé Ignacio e a súa muller, Nieves, acababan de adquirir unha vivenda.

    Transcorridos dous anos dende aquela, e despois de levar investido bastantes cartos no piso, a situación para eles mudou considerablemente, chegando mesmo a poder perder o que ata o de agora foi a súa vivenda.

    Por esta razón, séntense totalmente enganados pola Consellería de Vivenda, xa que segundo eles, se lles prometera, en base á Lei 257/2004, o dereito a poder pasar despois dun tempo do réxime de alugueiro ó de compra-venda.

    Deficiencias

    Este non é o único problema co que se atopan, xa que as vivendas presentan tamén numerosos desperfectos como é o caso de fendas nas paredes interiores e na fachada, problemas de humidades e a rotura de plaquetas e azulexos.

    Xosé Ignacio quere saber ademais se hai máis xente que se atope na súa situación, e así constituir unha plataforma para poder defender conxuntamente os seus intereses.

    Protesta

    Este sábado teñen previsto realizar un acto de protesta nas proximidades do edificio no que participarán tamén o resto de propietarios, e ó que esperan que se sumen outros veciños.

    Redacción Barbanza