Primeiro paso para a rexeneración integral da ría de Noia

saneamentorionoia_100_290109.jpgNOIA> Augas de Galicia vén de remitir ó concello o plan para o saneamento integral da ría que soporta os vertidos directos do 70 por cento da poboación.

{flowplayer}barbanza/saneamentorianoia.flv{/flowplayer}

O proxecto que vén de elaborar Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, contempla a instalación de varios tanques para a retención das chuvias e a construción de novos colectores e reposición do que existe na actualidade. A actuación complementarase con varias estacións de bombeo. Tras un longo proceso de tramitación, finalmente esta actuación permitirá dar servizo á metade da poboación noiesa.

Mediante esta primeira fase darase un novo paso cara o saneamento integral da ría noiesa, un dos principais obxectivos dos socialistas dende que accederon ó goberno local.

A súa intención é acabar cos vertidos directos á ría que, ademais dos danos medioambientais, supoñen un risco para a calidade da riqueza marisqueira. E é que, a pesar de que a estación da depuradora leva en funcionamento máis de dous anos, tan só recibe os residuos de arredor do trinta por cento da poboación.

Desacordo

De aí, a satisfacción con que o alcalde recibiu o proxecto que deberá ser aprobado nos próximos días polo pleno da corporación. Aprobación que semella complicada posto que dende o BNG consideran insuficiente o proxecto e apostan pola separación de pluviais e fecais en todo o núcleo urbano para conquerir unha rede saneamento eficaz.

Haberá que agardar a ver que postura toman os socios de goberno e máis a oposición posto que se rexeitan o proxecto, o concello perdería a subvención. Dende a Consellería de Medio Ambiente xa están traballando na redacción da segunda fase deste proxecto que ascendería tamén ós tres millóns de euros.

O rexedor local informou de que proximamente se desprazarán ata a vila técnicos de Augas de Galicia para dar información sobre esta gran obra que, loxicamente, ocasionará algunhas molestias ós cidadáns ós que o alcalde agradeceu de anteman a súa comprensión en beneficio do interese xeral.

Redacción Barbanza