A xustiza avala os pasos dados polo concello de Catoira contra a pirotecnia de Coaxe e obriga á súa demolición

CATOIRA> As instalacións da pirotecnia de Coaxe, no concello de Catoira, terán que desaparecer. O xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra dá a razón á plataforma de persoas afectadas e avala os pasos dados polo goberno catoirense. A sentenza declara a ineficacia da comunicación previa das obras e obriga á demolición da construción de maneira inmediata.

Os pasos dados polo concello de Catoira para expulsar as instalacións da pirotecnia do lugar de Coaxe contan agora co visto da xustiza. O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra ditou sentenza e obriga ao concello a demoler a construción.

A xustiza acepta así a reclamación interposta pola plataforma de afectados e ratifica a resolución aprobada pola xunta de goberno local do pasado 15 de abril, cando se declarou a ineficacia da comunicación previa das obras do galpón que ocupou a pirotecnia.

Hoxe o alcalde convocou a varios membros da plataforma para dar a coñecer esta sentenza. Acompañado de dúas veciñas, celebraron o que parece ser o remate desta polémica instalación.

Castaño confirmou que xa hai semanas que se trasladou á empresa a comunicación oficial de anular a súa actividade e devolver o terreo ao estado inmediatamente anterior. Tamén se remitiu á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para que non conceda ningunha autorización para actividade pirotécnica nesta instalación.