Arousa e Portonovo buscan saír do descenso

futbol250_060209.jpgSALNÉS> O Céltiga recibe ó Negreira coa intención de seguir sumando puntos para poder colarse entre os primeiros da clasificación. Portonovo e Arousa pola tentarán gañar para abandonar a zona de descenso na que agora están inmersos.

O pechacancelas da Terceira, o Arousa, visita esta semana a Fontenla, un campo no que nunca puntuou pero no que debe intentar facelo desta vez se non quere que a situación se volva máis crítica do que xa é.

Enfronte terá un Santa Comba que é cuarto na táboa pero que arrastra unha traxectoria irregular nos últimos dous meses que os levou a sumar só 5 puntos dos últimos 24 en xogo.

Debutará Marcos Basldomero no lateral esquerdo e o sistema defensivo podería volver a unha liña de catro na que Valiñas ou o capitán Santos caeríanse do once inicial.

O Portonovo precisa vencer canto antes. A fórmula do empate non lle serve porque leva nove xornadas sen gañar e por iso están tamén en zona de descenso.

O conxunto que visita Baltar, o Alondras, é un claro candidato a meterse entre os catro primeiros ó final de liga e por iso non porá as cousas sinxelas. Milucho non poderá contar cos lesionados César e Melchor nin tampouco con Nacho, que é baixa por acumulación de amonestacións.

Outro dos que non se pode despistar é o Vilalonga porque sen darse practicamente conta meteuse no grupo traseiro da táboa. Ben é certo que nas últimas semanas o seu calendario non foi moi favorable; esta visitan ó Ourense, terceiro na xeral, polo que tampouco será sinxelo sumar ante un dos galos da categoría. Eso si, Gabi Leis poderá contar con tódolos seus xogadores para intentar dar a machada no Couto.

O que máis tranquilo está na xeral é o Céltiga, que tralos picazos dos conxuntos que o precedían, meteuse nun grupo de seis equipos que loitan pola cuarta praza e que están separados por tan só un punto.

Xusto o que ven por detrás, o Negreira,  é o que visita o Salvador Otero, coa losa enriba de ter perdido os seus últimos cinco partidos. Os da Illa están moi motivados para este encontro despois de levarse o derbi a semana pàsada, un derbi que deixará, no aspecto negativo, as baixas por sanción de Beni, Manuel e Óscar Blanco, que se unen á de Albert, lesionado. Tampouco estará Josiño no banquiño, que foi expulsado na Lomba.

Non chega por tanto o Céltiga nas mellores condicións para afrontar un encontro que pode marcar a tendencia do equipo este ano.

Redacción Salnés