RIBEIRA> Tras denunciar o mal estado en que se atopa o mercado, un dos praceiros acusa ó goberno local de tomar represalias.
{flowplayer}barbanza/denunciaxoanmosquera.flv{/flowplayer}
Xoán Mosquera, praceiro de Ribeira, leva tempo denunciando as numerosas deficiencias que presenta a praza de abastos da localidade. As reformas que hai meses acometeu o concello non supuxeron ningunha mellora no funcionamento das instalacións, xa obsoletas, polo que os usuarios demandan a construción dunha nova praza.
Ratas
Ademais das deficiencias estruturais, Xoán Mosquera refírese as malas condicións hixiénicas xa que non cumpren uns mínimos de salubridade, denunciando mesmo a presenza de ratas. Cuestión que está a causar certa crispación entre os propios praceiros e mesmo motivou un altercado co encargado da praza de abastos.
Xoán Mosquera afirma sentirse perseguido polo executivo local dende que comezou a denunciar as malas condicións en que se ven obrigados a traballar na praza de abastos. De feito, acaba de recibir un escrito do concello informando da apertura dun expediente sancionador polo incumprimento da ordenanza reguladora de mercados municipais que obriga a acudir a vender un mínimo días, mentres que el so o fai unha vez á semana. Mosquera cre que se trata dunha persecución de carácter persoal posto que moitos compañeiros están na mesma situación e non foron sancionados.
Revisión xeral
Lonxe disto, dende o concello explican que se procedeu a unha revisión xeral da documentación de tódolos titulares dos postos e detectáronse varias irregularidades, entre elas a de Xoán Mosquera que a pesar de ocupar tres puntos de venda na praza de abastos só acude de forma esporádica o que constitúe unha falta grave.
A concelleira delegado do mercado, Esther Patiño, informou de que se lle apercibiu desta situación pero o interesado non alegou ningunha causa xustificada polo que se procedeu á apertura dun expediente sancionador. A edil insiste en que non se trata de ningunha persecución persoal posto que houbo outros casos, un deles aínda en estudo sobre a posible sanción e outro ó que se lle procedeu á retirada do permiso.
Redacción Barbanza