Cuntis acollerá o primeiro Centro de Interpretación do Clima de Galicia

    radar_meteoroloxico100_copia.jpgCUNTIS> O municipio de Cuntis converterase no centro da predición meteorolóxica en Galicia. Hoxe presentouse un radar que se instalará…

    … no monte Xesteiras e que permitirá predicir os fenómenos atmosféricos adversos con seis horas de antelación. Nas instalacións deste radar crearase o primeiro Centro de Interpretación do Clima de toda a comunidade.

    O radar meteorolóxico que se instalará en Cuntis medirá corenta e cinco metros de altura e seis metros e medio de diámetro. Este xigante permitirá analizar a situación atmosférica nun radio de 250 quilómetros, polo que se poderán previr os fenómenos climatolóxicos adversos con antelación para evitar desastres coma os que sufriu a comunidade nas últimas semanas.

    O director de Meteogalicia, Vicente Pérez, presentou hoxe este proxecto que estará rematado en dezaseis meses e que fará de Cuntis un espazo de referencia no estudio do clima en Galicia.

    PROXECTO ATMOSFERIUM

    Nas instalacións deste radar meteorolóxico crearase un Centro de Interpretación Meteorolóxica e Estudo do Clima. Atmosferium é un proxecto educativo dirixido á poboación en xeral para aprender algunhas nocións básicas sobre o cambio climático.

    Co proxecto Atmosferium, Cuntis será a primeira escola de adultos e rapaces sobre meteoroloxía. Dentro do programa haberá obradoiros e unha área experimental para poder comprobar, dun xeito práctico, os efectos do cambio climático en Galicia. Amais, na páxina web de Meteogalicia crearase un espazo dedicado ao municipio de Cuntis no que aparecerá información detallada sobre as condicións meteorolóxicas neste concello. 

    A consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible investirá case 4 millóns de euros nestes proxectos, que teñen un prazo de execución de dezaseis meses. Segundo o secretario xeral da consellería, Jorge Santiso, a torre radar estará en funcionamento a finais deste verán.

    Redacción Salnés

    {flowplayer}images/salnes/120209_radar_meteoroloxico.flv{/flowplayer}