Nova Zelanda e Angola completan o cartel da Basket Cup

basket_040309.jpgSALNÉS> As seleccións de Nova Zelanda e Angola completarán o cartel da Vilagarcía Basket Cup deste ano. Así o fixo saber hoxe a organización do torneo, que terá por primeira vez na súa historia a equipos de Oceanía e África.

O comité organizador da Vilagarcía Basket Cup ven de comunicar a presenza das dúas últimas seleccións no campionato que xogarase no recinto feiral de Fexdega entre o 9 e o 12 de abril.

Nova Zelanda e Angola completarán o cartel de oito seleccións participantes uníndose así as de España, Francia, Italia, Alemania, Rusia e República Checa.

A selección oceánica será un dos grandes atractivos do torneo. Ven de ser subcampiona do seu continente tras perder con Australia na final e utilizará a Basket Cup como pedra de toque para preparar o Campionato do Mundo sub-19 que van acoller este verán. É un equipo, o igual que o francés, que convive todo o ano nun centro de alto rendemento. Un dos seus maiores atractivos será por suposto ver os xogadores bailar a haka antes dos encontros. Será ademais, con case total seguridade, o primeiro equipo en desembarcar en Vilagarcía, dado a longa viaxe que terá que realizar e que lles obriga a vir con tempo sufienciente como para adaptarse ó clima de Galicia.

Angola pola súa parte será o primeiro conxunto africano en participar na Basket Cup. É sen dúbida un clásico dentro das competicións internacionais, dado que leva décadas dominando o seu continente. Un equipo con moita tradición e que tentará acadar as mellores sensacións tamén de cara o vindeiro mundial sub-19.

O comité organizador considérase plenamente satisfeito por completar un cartel realmente atractivo para este mundial oficioso de seleccións sub-18, que promete ser todo un espectáculo.

Redacción Salnés