O Céltiga prepárase para dar a machada ante o líder

futbol250_200309.jpgSALNÉS> Un partido destaca por enriba do resto esta semana, o que vai disputar o Céltiga ante o Compostela no Salvador Otero. Non menos importantes serán os duelos de Arousa e Portonovo que buscarán a victoria para intentar saír do pozo da clasificación.

Continúa a loita na Terceira. Entramos xa nas últimas dez xornadas, con seis equipos pelexando por non descender e outros sete ou oito, pola cuarta posición da xeral. Case todo o mundo se está a xogar algo imporante a estas alturas.

Comezamos por abaixo, onde un Portonovo renacido buscará deixar o posto de pechacancelas esta semana. Ás baixas de César e Melchor, unirase a de Fiti, por sanción. Tamén é bastante probable que non esté Tinaia por lesión, mentres que Jacinto e Baptiste vanse pouco a pouco recuparando das súas molestias e é bastante probable que entren na lista dos dezaseis. Enfronte terá a un Narón con moito potencial ofensivo e que está metido na loita polo playoff.

O Arousa terá un desprazamento complicado ante o Montañeros. Pablo Vázquez non poderá contar con Nelo, que foi expulsado a semana pasada ante o Coruxo, pero confía en que se poida comezar a revertir a situación crítica do equipo. O conxunto coruñés conta cun dos planteis máis potentes do grupo pero xa caeu na ida na Lomba por 4-2, aínda que semella pouco probable que se poida repetir un resultado así.

Unha man a Portonovo e Arousa podería botarlles o Vilalonga que xogará en Barreiro ante o Gran Peña. Reforzados pola victoria na Copa Galiza e tras recuperar a Luismi e Lozano, os de Gabi Leis queren sumar os tres puntos que lle devolvan certas opcións de seguir loitando polo cuarto posto. Chicho e Diego Blanco continúan lesionado e Quito podería perderse o encontro por gripe.

No Salvador Otero vivirase un dos partidos da xornada. O Céltiga apura as súas últimas opcións para meterse en playoff ante o intratable líder, o Compostela de Chus Baleato. Os santiagueses tan só perderon un encontro en toda a liga e non quererán perder o segundo na Illa. Para recibir ó rival máis complicado, Josiño Abalde terá que prescindir de Taja e Fran Matos, lesionados, mentres que podería recuperar en mediocampo a Victor,  xa moito mellor das súas molestias.

Redacción Salnés