![]()
VILANOVA> O campionato galego de motos acuáticas segue moi igualado. A segunda proba disputouse este sábado en Vilanova, onde gañaron o piloto cambadés Manuel Osorio, na categoría maxi, e o vigués Iván Fernández, en Jet Ski. O sábado tamén arrancou en Vilanova o campionato autonómico de embarcacións neumáticas.
Manuel Osorio venceu diante dos seus seguidores na segunda proba do campionato galego de motos acuáticas, disputada este sábado en augas do Terrón, en Vilanova. Con esta vitoria, o piloto arousán empata a puntos na xeral da categoría maxi con Arturo Campos, de Salceda de Caselas. Será en Burela, a próxima fin de semana, cando comecen a marcarse algunhas diferenzas.
Na terceira posición desta categoría, acabou o cambadés Juan José Pintos. Esta proba comezou ademais cun pequeno susto, o piloto vigués José Rodríguez sufriu un golpe na manga clasificatoria de maxi e tivo que se trasladado ó Hospital do Salnés, inda que non reviste gravidade.
Na categoría de Jet Ski a proba estivo tamén moi disputada entre os líderes do campionato. Acabou impoñéndose o vigués Iván Fernández. Segundo foi o moañés Carlos Avelino Blanco e terceiro o marinense Isidoro Carabelos, campión desta categoría o ano pasado.
O sábado tamén se disputou en Vilanova a primeira proba do Campionato galego de embarcacións neumáticas. Os primeiros líderes da xeral son Juan Carlos Solla e José David Álvarez, de Vigo, seguidos de Francisco José Pereira e Sergio Pereira, de Chapela. A próxima proba deste campionato disputarase o día 16 en Arcade.
Redacción Salnés





