Arousa e Portonovo quédanse ó borde do abismo

futbol250_040509.jpgSALNÉS> A 36ª xornada deixounos a boa nova da victoria do Vilalonga, que coloca ós de Gabi Leis preto da salvación. Todo o contrario que Arousa e Portonovo, que non foron quen de vencer e teñen cada vez máis complicada a permanencia.

O descenso confirmado dende 2ªB do Fabril faría que a día de hoxe baixasen catro equipos de Terceira a Preferente sempre e cando ningún dos que xoguen a fase de ascenso acaden tal obxectivo.

Así as cousas, o Portonovo ten agora a salvación a cinco puntos, cando tan só quedan por xogarse seis. Onte puidéronlle os nervos ante un Verín que non se xogaba nada. Xogaron atenzados durante os 90 minutos e tan só o gol visitante mediada a segunda metade espoleu ós de Canle. Álex empatou de penalti a dez para o remate, e aínda que tiveron ocasións para levarse o partido nese tramo final, puxeron máis corazón que cabeza e a fórmula non funcionou (1-1).

Todo o contrario sucedeulle ó seu veciño, para quen a xornada foi máis que positiva. Racharon con nove partidos sen gañar e impuxéronse ó Lalín por 3-0, despois de realizar unha primorosa primeira metade.

De feito, ós 25 minutos xa conseguiran tódolos seus goles, por mediación de Diego Blanco, Machu e Saúl. Con ese marcador a favor, os celestes xogaron moito máis tranquilos, moveron ben a pelota e neutralizaron os ataques do rival, que acudía a San Pedro xogándose a cuarta praza. Ó Vilalonga poderíalle servirlle un punto para acadar a súa salvación. Cunha victoria a semana que ven na casa ante o Verín asinaríaa de xeito matemático.

No Salvador Otero viuse de novo un partido carente de goles e aburrido (0-0). O Gran Peña non semellou xogarse a permanencia na Illa e ós de Josiño Abalde faltoulles movilidade en ataque. Kelvin tivo a mellor opción local na primeira metade que desbaratou Rafa. Minutos despois, Couso puido ter asinado o 0-1 para o conxunto vigués, pero o marcador non se movería. Resultado que no inflúe na stiuación dun Céltiga xa salvado.

Para quen está máis complicada a salvación é para o Arousa, que tense que aferrar á posibilidade de ser cuarto por abaixo e que algún equipo ascenda a Segunda B, porque a salvación matemática lle queda agora a seis puntos trala derrota de onte en Río Seco (3-1). O partido estivo condicionado polo vento. O Narón tívoo ás costas na primeira metade e aproveitouno para irse ó descanso con 2-0. Na reanudación os locais farían o terceiro e pese a que Chiño reducíu diferencias pouco despois, foi imposible dárlle-la volta ó marcador.

Ademais, a actuación do colexiado Crespo Varela deixou moi descontentos ós vilagarciáns que xogaron o tramo final con nove polas expulsións de Miguel e Luis Alberto, viron como se lles sinalaba dous penaltis en contra e se lles anulaba un gol por dubidoso fóra de xogo. Terán que dar a badalada ante Cerceda e Compostela nas últimas dúas xornadas para buscar esa milagre da permanencia.

Redacción Salnés