A Conselleira do Mar abre o diálogo para reflotar o sector pesqueiro

    conselleiramar_100_050609.jpgBARBANZA> A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, desprazouse ata a comarca  para manter diversos encontros cos representantes do sector do mar.

    {flowplayer}barbanza/conselleiramar.flv{/flowplayer}

    A súa primeira parada foi no concello de Ribeira onde se comprometeu a reduci-las taxas portuarias e a estudar unha ubicación consensuada para executar canto antes a nova lonxa de Ribeira. 

    Estes dous asuntos foron os principais compromisos que os representantes do sector pesqueiro e os empresarios lograron arrincar da Conselleira do Mar, Rosa Quintana, que se amosou moi interesada cos problemas e inquedanzas que lle plantexaron os profesionais.

    Redución das taxas

    Con respecto ás taxas portuarias, que o sector considera abusivas, a Conselleira adiantou que se van rebaixar todas de cara á lei de presupostos que se aprobará a finais de ano aínda que de momento non precisou a porcentaxe da redución.

    A este respecto, o alcalde, Xosé Luís Torres Colomer, plantexou a necesidade de desafectar a avenida do Malecón que na actualidade é dominio de Portos aínda que é o concello quen se encarga do seu mantemento. A titular do departamento do Mar recolleu a proposta e comprometeuse a estudala.

    Nova lonxa

    Con respecto ás instalacións portuarias, Rosa Quintana explicou que se retomarán os plans de portos que quedaron pendentes e se buscará consenso para construír, dunha vez por todas, a lonxa de Ribeira. De feito, o presidente de Portos que tamén asistiu á xuntanza desprazarase ata Ribeira o próximo xoves para buscar o mellor emprazamento en colaboración con tódolos sectores.

    Outros asuntos plantexados polos asistentes á reunión foron a viabilidade do porto exterior, a reformulación o plan director de portos deportivos ou a necesidade de implantar o cupo semanal de capturas e unha inspección única para mellorar a organización da flota galega.

    Xuntanza na Pobra

    Trala reunión celebrada en Ribeira, a Conselleira desprazouse ata Pobra para manter un novo encontro cos profesionais deste concello, que conta co porto de descarga de túnidos máis importante de Europa. Alí, o alcalde pobrés, Isaac Maceiras, aproveitou para pedir á responsable autonómica novas inversións que contribúan a reflotar o sector pesqueiro. 

    Tras asinar no libro de honra do concello e recibir un escudo como lembranza da súa visita, a Conselleira atendeu as demandas dos numerosos profesionais que se deron cita no salón de plenos do concello. Ademais de abordar a axilización das axudas que plantexaron varios empresarios relacionados co sector, Rosa Quintana escoitou as demandas do patrón maior pobrés en relación á explotación do banco de libre marisqueo de Cabío.

    A conselleira tamén escoitou as demandas do sector mexilloeiro, sobre a necesidade de habilitar espazos para a construción e desguace de bateas, que na actualidade encontran fortes restricións por parte de Costas. Neste sentido, a titular do Mar comprometeuse a traballar para conquerir a dignificación dun sector clave na economía galega como é o mexilloeiro.

    Redacción Barbanza