RIBEIRA> A mostra, promovida pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, permanecerá en Ribeira ata o vindeiro 18 de outubro.
Esta mañá inaugurábase en Ribeira, na avenida do Malecón, unha exposición sobre Ricardo Carvalho Calero, autor ó que a RAG lle dedicou o pasado 17 de Maio, o Día das Letras Galegas.
A mostra, que está promovida pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, chega a Ribeira despois de percorrer outras cidades da provincia como é o caso de Ferrol, A Coruña ou Carballo.
A exposición inaugurada esta mañá componse dun total de trece paneis que percorren a traxectoria vital e profesional deste autor, que dedicou toda a súa vida á defensa de Galicia e da súa cultura.
Despois de Ribeira, a mostra, con carácter itinerante, recalará noutras localidades da provincia, entre as que se atopa tamén Rianxo.