Un Est. Otero imparable métese na repesca polo ascenso

SALNÉS> Finalmente será o San Sebastián o que suba de xeito directo á División de Honra Nacional do tenis de mesa.. Un ascenso polo que aínda poderá loitar o Establecimientos Otero de Cambados, que accede á repesca tras finalizar terceiro.

Perfecta segunda fase a realizada polo Establecimientos Otero. Despois da primeira concentración en Cambados onde foron quen de vencer os catro partidos que disputaron, desta volta repetiron o mesmo éxito en San Sebastián rematando así esta fase cun pleno de victorias en oito encontros. Os cambadeses gañaron con autoridade ó Gasteiz e ó Oberena, por 6-0 mentres que se impuxeron con maiores dificultades ó Torello, e ó conxunto anfitrión, o San Sebastián, por 4-2. Precisamente foi o equipo donostiarra o primeiro desta fase e polo tanto acadou o ascenso directo a División de Honra.

Para a derradeira fase de ascenso, clasificouse o Monteporreiro e o propio Establecimientos Otero que pagou en exceso as catro derrotas arrastradas dende a primeira fase coas que comezou esta segunda liguiña. Con todo a imaxe do conxunto cambadés foi excelente, deixando ben claro que son un claro favorito ó ascenso debido ó gran momento de forma que atravesan os seus tres xogadores: Kazeem Ahmed, Adrián Vidal e Fernando Padín.

Se o Establecimientos Otero se clasificou foi porque superou a un Liceo Casino que partía cunha victoria de vantaxe pero que víronse condenados á cuarta posición da fase tras perder ante o Atlético San Sebastián nas dúas concentracións. Os vilagarciáns quedáronse por tanto ás portas da fase de ascenso á que tentarán acceder de seguro a temporada que ven.

Redacción Salnés