Cabo de Cruz vence en Poio e xa lidera en solitario

traias250_200709.jpgSALNÉS> Tralas dúas regatas de Poio, a que mellor estivo no cómputo xeral foi Cabo de Cruz, que gañou onte e foi terceira o sábado. Os boirenses son agora líderes en solitario cando se está a piques de chegar ó ecuador da competición.

Poio foi escenario das dúas regatas que se disputaron esta fin de semana correspondentes á Liga Galega de Traíñas.

O sábado, na VII Bandeira Concello de Poio a mellor foi Náutico de Vigo. A intensidade do vento foi de menos a máis e iso fixo que se apretaran os tempos finais. Mostra diso é que entre o primeiro clasificado e o décimo a diferencia foi de escasos 30 segundos. Os vigueses venceron por diante de Perillo e Cabo e fóronse a durmir como líderes.

Pero esa posición de privilexio duraríalles apenas unhas horas, xa que na I Bandeira Confraría de Pescadores San Telmo, a mellor foi Cabo de Cruz, que tras facer unha espectacular remontada, superou ó resto de embarcacións para entrar primeira, por diante de Perillo, que repetíu na segunda posición. Mentres, Náutico caeu á quinta praza.

Agora mesmo Cabo suma un total de 100 puntos polos 98 dos vigueses. Chapela queda máis lonxe tras non completar unha boa fin de semana. Perillo, en plena ascensión, recurtou diferencias cos seus predecesores e colócase como candidato á victoria final.

En canto ás embarcacións do Salnés, Mecos non puido pasar dun cuarto posto e un sexto, polo que cae á quinta praza da xeral. Mesmos resultados pero á inversa tívoos Amegrove, que continúa na sexta praza, por diante de Vilaxoán.

Esta foi a novena regata dun total de vinte das que consta a liga. Na vindeira proba chegarase por tanto ó ecuador, será o domingo na XXV Bandeira Concello de O Grove.

Redacción Salnés