Liberdade con cargos para o detido por roubar droga á Garda Civil meca

    detido_roubo_cocaina_grove_100_120809.jpgCAMBADOS> O home foi arrestado por facerse supostamente con 12 quilos de cocaína que permanecían custodiados no cuartel de O Grove.

    {flowplayer}images/salnes/120809_detido_roubo_cocaina_informativo_noite.flv{/flowplayer}

    Este mediodía chegaba ós Xulgados de Cambados este home. Trátase dun albanel detido como sospeitoso de roubar doce quilos de cocaína no cuartel da Garda Civil de O Grove. Debía prestar declaración ante o titular do xulgado número dous, Juan Carlos Carballal, para determinar se se lle acusaba formalmente dun delito de roubo. Despois da súa comparecencia, o maxistrado decidiu deixalo en liberdade con cargos.

    A noticia do roubo coñecíase o pasado mes de xuño. O cuartel da Garda Civil de O Grove custodiaba nas súas dependencias un fardo de cocaína procedente do alixo de 3.500 quilogramos que hai un ano apareceu flotando na ría de Pontevedra. Os narcotraficantes que a transportaban desfixéronse dela despois de que a planadora na que viaxaban fora descuberta e perseguida polos Servizos de Vixilancia Aduaneira e a Garda Civil. Conseguiron escapar, e para borrar as súas pegadas, vararon e incendiaron a embarcación na praia da Lanzada.

    A Garda Civil grovense encargouse de gardar os fardos de droga que foron localizando para logo incineralos. Todos menos un, que apareceu mentres o sarxento pasaba uns días libres. Un axente gardouno nun baixo para que secara e alí quedou ata que uns meses despois se realizou unha reforma nas instalacións. Dous obreiros encargáronse dos traballos. Foi entón cando se decataron da presenza do fardo de cocaína. Un axente colleuno para gardalo baixo chave pero ó pesalo descubriron que lle faltaban doce quilos de droga.

    Inmediatamente a Garda Civil iniciou unha investigación interna que culminaba coa detención dun dos obreiros como presunto autor do roubo. O mesmo que quedou en liberdade con cargos.

    Redacción Salnés