O Cambados T.M. asina uns bos resultados en Monteporreiro

tenisdemesa250_160909.jpgPONTEVEDRA> Estes días celebrouse en Pontevedra o XI Torneo de Monteporreiro. Os resultados dos xogadores do Cambados Tenis de Mesa foron coma sempre moi positivos, agás en categoría absoluta, onde non estiveron entre os mellores.

O pavillón de Príncipe Felipe en Pontevedra acolleu estes días a celebración da undécima edición do Torneo de Monteporreiro de tenis de mesa, no que participou unha ampla representación do Club Cambados.

Foi de destacar o debut da súa nova fichaxe, o xogador venezolano Alexis Tovar, que deixou moi boa impresión acadando o título en categoría sub-23 e realizando tamén un gran papel no campionato absoluto, onde tan só a mala sorte dos cruces deixouno fóra. Ó non ter ranking tivo que enfrontarse nos oitavos de final a un dos grandes favoritos, o rumano Liviu Prodaica, que o eliminou.

Os resultados máis destacados dos cambadeses foron os títulos acadados por Paula Padín en alevín femenino, Raquel Martínez en infantil e Gema Cores en xuvenil , ademais do de Alexis Tovar. Andrea Chaves foi segunda en alevín e Fernando Padín terceiro no xuvenil masculino.

A decepción chegaría no cadro absoluto onde non se obtiveron os resultados agardados. Adrián Vidal foi o mellor dos cambadeses e chegou ata os cuartos. Ñajo e Fernando Padín caeron xunto a Tovar nos oitavos.

Por outra banda é de destacar que as boas actuacións dos xóvenes xogadores do Cambados tenis de mesa non pasou desapercibida. Martín Regueiro, Cristina e Eduardo Barreiro estarán coa selección galega no campionato de España de seleccións territoriais.

Redacción Salnés