O Xuven visita ó líder coa intención de dar a sorpresa

baloncesto250_161009.jpgSALNÉS> Xornada importante para os conxuntos do Salnés. O Extrugasa viaxa a Ourense para enfrontarse ó Pabellón e sumar a súa segunda victoria consecutiva, que as coloque na parte alta da táboa. O Xuven, pola súa parte, rinde visita ó líder Chantada coa intención de dar a sorpresa.

O Estableimientos Otero busca mañá en Chantada (18:30 hrs.) unha victoria que os faga medrar como equipo. Será moi complicado porque enfronte terán a un dos coxuntos máis fortes da categoría que conta con xogadores consagrados como Lolo Castro ou Manu Sánchez.  Ademais, é un equipo fisicamente moi forte con varios xogadores por enriba dos 2’05m.. Por se fora pouco están invictos en liga e tampouco coñeceron a derrota en pretemporada, algo que lles servíu para facerse coa Copa Galicia.

Pero iso, máis que causarlles temor ós de Diego Doval, debe converterse nun aliciente. O técnico cambadés asegurou que as claves do encontro pasan por facerse duros no rebote e intentar levar o ritmo de xogo, intentar correr. Para iso poderá contar unha semana máis con Nate Bowie, que tan boas sensacións deixou no seu debut ante o Universidade de Oviedo. A única dúbida do Xuven para este partido é a de Lucas Vaquero, que se está a recuperar dunha escordadura de nocello, aínda que todo fai indicar que poderá xogar.

Mentres o Extrugasa visitará ó Pabellón Ourense (mañá, 20:00). Tódolas xogadoras están dispoñibles unha vez Saray Ruíz recuperouse das súas molestias nas costas. Tito Díaz é optimista de cara a este choque despois de apreciar unha sensible melloría do equipo no encontro da semana pasada ante Pío XII. O técnico lucense sinalou este encontro como clave para o equipo, de cara a coller moral para os vindeiros partidos ante rivais que loitarán polo ascenso, como Badajoz ou Arranz Jopisa Burgos.

Redacción Salnés