SALNÉS> Fin de semana interesante no baloncesto cos partidos de Extrugasa e Establecimientos Otero. Os cambadeses desprázanse ata Santiago para enfrontarse ó Obradoiro Óptica Val mentres que as vilagarciáns reciben en Fontecarmoa ó Burgos, líder invicto da competición.
Por segunda xornada consecutiva o Extrugasa xoga na casa e de novo ante o líder. Se o pasado sábado desbancaron da primeira posición ó Badajoz neste pretenden facer o mesmo co seu sucesor nese posto de privilexio, o Arranz Jopisa Burgos, que chega a Vilagarcía contando os seus catro partidos por victorias.
É sen dúbida un dos conxuntos máis fortes da categoría, que hai dúas temporadas estaba en Liga Femenina e o ano pasado quedouse ás portas do ascenso. No seu plantel destacan nomes como o da base Lucía Pablos, a pívot Franciele Aparecida ou a aleiro Eva Lozano, que o ano pasado promediou 27 puntos por partido. Unha victoria do Extrugasa pasa por tanto por frear a estas xogadoras e intentar reducir a súa capacidade anotadora.
O técnico das vilagarciáns, Tito Díaz volveu a insistir durante esta semana na importancia de minimizar as perdas de balón e de impoñer un maior ritmo no ataque estático. Con todo o lucense amósase satisfeito co traballo dun equipo que cada vez está máis conxuntado e que fixo de Fontecarmoa o seu fortín, tralas importantes victorias ante Pío XII e Badajoz. Tódalas xogadoras están dispoñibles para esta cita.
Na Liga EBA o Establecimientos Otero desprázase a Santiago para enfrontarse ó Óptica Val Obradoiro. Séptimo contra sexto na xeral. O bo arranque dos cambadeses viuse freado nas últimas dúas semanas con dúas derrotas que os colocan no grupo que loitaría pola permanencia. De ahí a importancia deste choque que serviría para distanciar a un rival que ten arestora unha victoria menos e que permitiría ós de Diego Doval non descolgarse do grupo de cabeza.
No plantel santigués, varios vellos coñecidos como Víctor Ramos, Nacho García ou Adrián Conde, os tres ex do Inelga. O gran perigo será sen embargo Rafa Molina, un canteirán do Estudiantes que está a promediar mais de 22 puntos e 10 rebotes por partido.
Redacción Salnés