SALNÉS> Achegámonos a unha nova xornada de futbol. Na Terceira, Céltiga e Vilalonga volven a xogar fóra da casa e ante dous rivais moi complicados, dos que loitan por meterse entre os catro primeiros, Depor B e Coruxo. Repasamos tamén o que vai dar de si a Preferente Sur.
Vanno ter difícil Vilalonga e Céltiga para sacar algo positivo esta fin de semana. Os celestes visitan ó Coruxo (domingo, 17:15), equipo dirixido por un vello coñecido como Josiño Abalde. Coas dúbidas de Melchor e Sarró, que arrastran diferentes molestias, os de Gabi Leis confían en poder darlle continuidade á xeira de sete partidos sen perder que arestora encadenan. O rival é un conxunto que aúna a calidade dos seus xogadores co caracter loitador e defensivo que lle imprime o seu técnico. Das nove veces que se enfrontaron en Terceira División, seis triunfos foron locais, dous visitantes e un empate, se ben o Vilalonga non puntúa no Vao dende a 95/96.
Peor balance sofre o Céltiga que tamén se enfrontou nove veces ó Depor B na Coruña e tan só puido sacar nunha delas un empate, o resto triunfos dos branquiazuis. Nun partido adiantado á xornada do sábado, os de Pablo Vázquez visitan ó intratable líder (mañá, 17:30). Un equipo, como é tradición, de xente moi nova e de gran calidade, algúns xa debutaron en Primeira, caso de Juan Domínguez, e moitos deles incluso son internacionais en categorías inferiores. Sen complexos viaxa un Céltiga que quere dar a sorpresa e seguir tirando cara arriba e de paso gañar o seu primeiro partido fóra da casa.
A Preferente Sur vivirá outro derbi esta xornada. Sanxenxo e Arousa mídense no Revel. A priori o favorito é o cadro visitante se ben os locais están a sacar o mellor de sí cos equipos chamados a estar na parte alta. O Arousa pola súa parte quere reaccionar para non descolgarse co grupo dianteiro despois de varias semanas deixando moitas dúbidas, no só co xogo despregado, senón tamén cos resultados.
O Portonovo pola súa parte ten unha gran oportunidade de refrendar a súa recuperación ante o Pontellas. Chega a Baltar o quinto clasificado e unha das mellores defensas da categoría pero os de Rial, despois de vencer ó Arenteiro amósanase confiados de poder darlle xa unha boa nova á súa afeeciión.
Precisamente o Arenteiro será o rival dun Cambados que quere seguir sendo forte en Burgáns e de paso escapar da zona de descenso.
De ahí tamén quere escapar un Ribadumia que é terceiro pola cola e que visita o campo do Caselas, que suma a día de hoxe os mesmos puntos que os de Carducho.
Tódolos partidos que implican a conxuntos do Salnés nesta xornada xogaranse o domingo ás 16:30 horas.
Redacción Salnés