A VBC culpa ó concello de caos organizativo

basketcup250_100310.jpgVILAGARCÍA > A Vilagarcía Basket Cup disputarase este ano con case total seguridade no pavillón de Fontecarmoa. Así o anunciaron onte os organizadores do evento que acusaron ó concello de sumir ó torneo nun caos.

{flowplayer}images/salnes/basketcup_100309.flv{/flowplayer} 

Os organizadores da Vilagarcía Basket Cup din sentirse abandonados polo concello. Cúlpano de terse comprometido a asumir tódolos gastos derivados do uso das instlacións de Fexdega nun escrito asinado pola alcaldesa a 15 de xaneiro e agora botarse atrás cando o recinto feiral ponlle un prezo de 35.000 euros ós tres días de aluguer.

O certo é que todo está listo agás a ubicación do torneo. Fontecarmoa está asegurado unha vez recibiron onte a concesión das instalacións para eses días por parte da Fundación Deportiva Municipal. O problema, claro está, é que o espacio redúcese considerablemente algo que impediría levar a cabo como se tiña organizado xa, a Future Stars, a Basket Base e demais eventos. 

Dende o concello exixíuse unha reunión de urxencia do Padroado de Fexdega para tentar solucionar o problema. Aínda que os trámites se axilicen agora, a vinte días para o inicio da Basket Cup semella que non dará tempo de cambiar a ubicación.

Os organizadores aproveitaron a ocasión para dar a coñecer os nomes dos dos dous equipos que completarán o cartel desta edición: Dynamo de Moscú e Zeleznic de Belgrado uniranse a Joventut, Estudiantes, Mega Vizura e Zalguiris Kaunas. Os prezos dos abonos que xa se poden adquirir en Moto Bazar colócanse nos 15 euros para os adultos e 6 euros para os rapaces entre 4 e 13 anos. A presentación oficial do evento terá lugar o vindeiro martes 16 nas adegas Martín Códax e contará cun padriño sorpresa.

RESPOSTA DA FUNDACIÓN DEPORTIVA MUNICIPAL

A presidenta da Fundación Municpial de Deportes, nun comunicado remitido esta tarde, fixo saber as súas valoracións sobre o asunto. Victoria Hierro defende que o concello e a Fundación non son responsables do caos no que está sumido a organización do torneo. Di que foron eles os que apostaron por Fexdega cando a organización quería rompelas relacións co recinto feiral e que o feito de que fosen concedidas as instalacións de Fontecarmoa non é incompatible co que o torneo poida disputarse en Fexdega.

Segundo Hierro o que están tratando de defender é que o concello como copropietario do recinto feiral non debe pagar polo seu uso. Se é así ou non debe decidilo o Padroado e a convocatoria desa xunta non é responsabilidade do goberno municipal. Engaden que a organización sabía dende hai tempo que tiña concedido Fontecarmoa aínda que non fose por escrito.

En resumidas contas: a Basket Cup carga contra o concello, dende Ravella dise que a pelota está enriba do tellado do Padroado de Fexdega e deste non se teñen novas algunhas.

Redacción Salnés