Cacabelos pide colaboración a Louro para impulsar a cidade deportiva

    louro_cacabelos100.jpgO GROVE> O delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, recibiu esta mañá na Delegación do Goberno, na Coruña, ó alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos.

    O rexedor meco pediulle a súa colaboración para que medie ante o secretario de Estado para o Deporte e conseguir apoio para impulsar o proxecto da cidade deportiva de Monte da Vila. A actuación tería un orzamento de máis de 2 millóns de euros.

    Cacabelos tamén solicitou a mediación de Antón Louro para lograr que os terreos e as instalacións da Batería, en Con Negro, que dependen do Ministerio de Defensa, poidan pórse en valor e acoller un centro da natureza. O alcalde do Grove tamén falou do proxecto de reurbanización da explanada que hai diante do Concello, que acollería un aparcamento soterrado e espazos para uso público.

    Rexedor e delegado repasaron ademais outras actuacións que está a executar o Ministerio de Medio Ambiente no Grove, como a rexeneración da praia da Lanzada.

    Redacción Salnés