SANXENXO> 350 migrantes chegarán nas vindeiras dúas semanas ao concello de Sanxenxo. O municipio é un dos escollidos polo Ministerio do Interior para aliviar o colapso que se está a dar en Canarias, trala chegada masiva de inmigrantes en situación irregular. Dende o concello destacan a súa solidariedade eles e aseguran que farán todo o posible para axudar a estas persoas. Iso si, acusan ao Ministerio de escurantismo e aseguran que descoñecen as condicións do aloxamento.
Chamado á tranquilidade e á solidariedade por parte do delegado do Goberno en Galicia. É a mensaxe que lanza Pedro Blanco ante o anuncio de que o Ministerio do Interior trasladará a territorio galego ao redor de 400 inmigrantes subsaharianos chegados a Canarias.
Deles, está previsto que a gran maioría, uns 350, se despracen ata Sanxenxo. O Goberno de España asumirá os custos da estancia. Chegarán en dúas quendas, o primeiro o vindeiro mércores; o segundo, o 8 de novembro.
Blanco asegura que tan pronto foi notificado polo Ministerio trasladou toda a información á Xunta de Galicia e aos alcaldesa afectados.
Dende o concello de Sanxenxo, emitiron esta mañá un comunicado criticando a xestión do Goberno Central. Dunha banda, amosan toda a súa solidariedade con estas persoas e aseguran que farán todo o posible para axudalas. Da outra, acusan ao Ministerio de escurantismo e reclaman explicacións de por que dos 416 inmigrantes que chegarán a Galicia, 350 quedarán en Sanxenxo. Tamén din descoñecer o tempo que van quedar, a súa situación sanitaria ou se van realizar algunha actividade ou aprendizaxe e cal será a colaboración do concello. Afirman que aínda que o Ministerio fala dun plan humanitario, a medida semella un intento de quitarse o problema de enriba e reclaman unha solución integral.











