Un meañés finxe ter coronavirus tras ser pillado pola Garda Civil ‘saíndo camiñar’

MEAÑO> Hai quen tenta librarse das restricións do estado de alarma, con escusas máis que sorprendentes. A Garda Civil localizou a un home en Meaño, que saíu camiñar  por unha pista paralela á Autovía do Salnés. Cando os axentes o identificaron, o varón asegurou descoñe-las obrigas do estado de alarma. Despois finxiu atoparse mal, simulando síntomas de coronavirus.

As limitacion do estado de alarma están máis que claras, pero hai quen tenta sortea-las para  mante-la súa actividade cotiá.

É o caso dun home de Meaño, que incumprindo as restricións de movemento, saíu camiñar. O varón foi localizado pola Garda Civil practicando esta actividade física por unha pista paralela á Autovía do Salnés.

O sorprendente do caso aínda está por chegar. Cando os axentes foron identificalo, o home alegou nun primeiro momento estar indocumentado e logo asegurou descoñece-las obrigas do estado de alarma.

Pero ao ver que as súas escusas non convencían á Garda Civil, finxiu atoparse mal, reproducindo síntomas de coronavirus. Ante esta situación, os axentes víronse na obriga de adopta-las correspondentes medidas protocolarias e mobilizar medios sanitarios.

Pero mentres a ambulancia non chegaba e vendo que o seu ‘teatro’ non o libraría da denuncia, os síntomas de COVID-19 desapareceron rapidamente.

O home acabou sendo trasladado ó seu domicilio pola patrulla, onde foi denunciado e confinado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí