O Porto extingue a licenza de estiba a Tercovi

    puertas100.jpgVILAGARCÍA> O Consello de Administración do Porto de Vilagarcía acordou por unanimidade extinguir a licenza de estiba a Tercovi

    {flowplayer}images/salnes/puertas_tercovi.flv{/flowplayer}

    VILAGARCÍA> O Consello de Administración do Porto de Vilagarcía acordou por unanimidade extinguir a licenza de estiba a Tercovi por incumprir os requisitos establecidos na concesión. Segundo explicou o presidente da institución Javier Puertas, o feito de que Tercovi está inmersa nun concurso de acredores e de que non presentase os avais e seguros preceptivos levou ó Porto a iniciar o expediente de caducidade da concesión. Expediente que xa foi comunicado ó Consello do Estado, que ten agora seis meses para resolvelo.

    Javier Puertas advertiu que hai indicios de que a navieira traspase o uso da terminal a outra compañía e de ser así o Porto está disposto a dar facilidades. Tercovi cifra o valor da terminal de Ferrazo en 8 millóns de euros, pero o presidente do Porto asegura que unha terminal inactiva non vale ese diñeiro. A Autoridade Portuaria está personada no concurso de acredores de Tercovi e defende que a empresa acuda á liquidación anticipada. Unha tese, que segundo Puertas, podería ter o apoio dos administradores concursais.

    Javier Puertas tamén lle expuxo ó Consello de Administración o balance de tráficos de 2009. Pese a presentar resultados negativos en relación ó ano anterior, o presidente asegura que se mellorou o previsto no plan de empresa, a pesar da crise e da caída de tráficos. O comportamento de Vilagarcía foi o cuarto mellor entre os dez portos da fachada atlántica, e no conxunto do Estado está no porto número 14.

    Puertas informou ademais da situación do atuneiro Bermeotarrak Cuatro, atracado no peirao de Ferrazo. A mediación do Porto permitiu a marcha de 17 mariñeiros africanos ó adiantar a empresa que se levará a carga o pago destes salarios. Segundo Puertas, a Autoridade Portuaria tamén se asegurou o pago de boa parte dos gastos derivados do atraque do barco.

    Redacción Salnés