Sancionan a Educación por revelar datos dunha menor de Catoira

    sancion_educacion100.jpgCATOIRA> Protección de Datos sancionou á Delegación de Educación de Pontevedra por revelar datos persoais dunha alumna discapacitada de Catoira.

    O caso desta rapaza fíxose público no 2008, cando os seus pais recorreron unha orde de Educación para escolarizala nun centro de educación especial, cando levaba toda a súa vida no colexio público de Catoira. Daquela, desde Educación déronse a coñecer unha serie de datos para xustificar a decisión, facendo referencia ó expediente de escolarización da rapaza e á súa discapacidade.

    A Axencia de Protección de Datos considera probado que a Consellería de Educación, a través da Delegación de Pontevedra, revelou datos persoais da menor a terceiros, incluídos os relativos ó seu grao de discapacidade e outras lesións. Unha circunstancia esta que non foi negada por dita entidade nas distintas oportunidades que lle foron ofrecidas pola Axencia.

    Isto ocorreu cando gobernaba o bipartito na Xunta, polo que o actual goberno popular non se considera responsable nin comparte o que se fixo entón, polo que non vai recorrer a sentencia. Consideran que este fallo xudicial desautoriza decisións políticas equivocadas adoptadas polo anterior delegado de Educación.

    A raíz desta sentencia, os pais da menor poderán presentar unha reclamación de responsabilidade patrimonial polos danos e prexuízos causados pola revelación destes datos. Hai un mes os pais de Alejandra, como se chama a rapaza, deron a coñecer outra sentenza ó seu favor, na que se recoñece o dereito a seguir escolarizada no colexio Progreso de Catoira.

    Redacción Salnés