Comeza a ampliación do paseo fluvial de Catoira ata o muíño de Machón

    paseo_catoira.jpgCATOIRA> O Concello informou hoxe que xa está en marcha o proxecto para conectar as rutas de sendeirismo do río Catoira co paseo fluvial ata Valga.

    O Ministerio de Medio Ambiente comezou as obras no treito que une a praia fluvial co muíño de mareas de Machón, en Catoira. O proxecto completa a anterior intervención efectuada en 2007 e servirá para por en valor o borde fluvial de Catoira. Os traballos iniciáronse coa construción dun camiño de xabre, con bordes de madeira, desde o paso a nivel de Cedonosa ata o muíño. Agora estase a colocar os soportes para instalar unha pasarela de madeira para acceder ó sendeiro do río Catoira, e para isto expropiouse unha franxa de terreo de cinco metros. O proxecto tamén inclúe a recuperación do muíño de mareas.

    Segundo explica o Concello, este novo sendeiro unirá a área do edificio multiusos e a Fonte Gaiteira, onde remataba agora o sendeiro do río, co muíño e coa alameda da praia, onde comeza o paseo fluvial ata Valga. Deste xeito créase un itinerario de 15 quilómetros que bordea os ríos Catoira e Ulla.

    Outro proxecto medioambiental previsto en Catoira é a mellora da Finca do Prado, no contorno do novo edificio multiusos. Estes días plantáronse catro carballos duns 30 anos de antigüidade, transplantados de fincas afectadas polas obras da parcelaria. Esta actuación ten un presuposto de case 120 mil euros e serán financiadas a través do Plan E. Nesta zona tamén se prevé a creación dun labirinto vexetal de sebes de camelia que levará unha fonte no seu centro. Acondicionarase con novas plantas e con mobiliario urbano e recuperarase o acceso existente desde a Avenida da Ponte cun camiño de lousa.

    Redacción Salnés