As traballadoras do SAF de Vilagarcía reclaman un plus polo uso dos seus coches particulares

VILAGARCÍA> As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Vilagarcía reclaman melloras na súa situación laboral. En concreto, denuncian que teñen que utilizar os seus vehículos persoais para desprazarse entre as vivendas dos usuarios que atenden. Algo que, aseguran, lles está a xerar un importante prexuízo económico xa que a contía coa que as compensa a concesionaria non é suficiente para cubrir o mantemento dos coches. Por iso reclaman ao concello que teña en conta esta demanda nos pregos do novo concurso.

O concello de Vilagarcía está a traballar nos novos pregos para o contrato do Servizo de Axuda no Fogar durante os vindeiros anos; contrato que estará dotado con case 10 millóns de euros. Agora as traballadoras queren aproveitar este momento para reclamar melloras na súa situación laboral.

Unha das súas demandas refírese ao uso dos seus vehículos particulares para desprazarse entre os domicilios dos usuarios que atenden. Algo que, aseguran, lles prexudica economicamente de xeito importante.

Por iso, reclaman que o goberno local inclúa nos pregos unha compensación económica máis elevada polo uso dos seus vehículos persoais.

As traballadoras apelan tamén ao BNG, cuxos votos son necesarios para sacar adiante os pregos para a nova contratación do servizo. Os nacionalistas xa lles trasladaron o seu apoio.