GROVE> Esta pasada fin de semana celebrouse en O Grove a VII Travesía da Toxa. Nela déronse cita preto de 400 padexeiros de 32 clubes de toda a comunidade. Tratábase da segunda proba puntuable para a Copa Galega de Ríos e Travesías
Trala proba de Portonovo, a Copa Galega de Ríos e Travesías facía a súa segunda parada noutro punto do Salnés, en O Grove. A competición desenvolveuse entre o peirao e a ponte que une a península meca coa Illa da Toxa.
Como era de agardar o dominio de As Torres de Catoira na clasificación por equipos foi total. Case dobrou en puntuación ós seus inmediatros perseguidores: o Escola Cidade de Pontevedra, que foi segundo, e o Piragüismo Illa de Arousa, que completou o podium. Destacou tamén o noveno posto do club anfitrión, o Breogán, mentres que o Náutico de Ribadumia foi decimoquinto.
A nivel individual houbo actuacións destacadas por parte dos padexeiros arousáns. No C-2 masculino a victoria foise para o Piragüismo A Illa da man de Ramón Ferro e Óscar Graña, que se impuxeron os padexeiros de As Torres Ismael Pesado e Miguel Salgado. O Breogán foi terceiro coa embarcación formada por Manuel Piñeiro e Sami Grigore.
No K-2 o triunfo foi para Carlos Pedreira e Antonio Polo, do Grupo Juvenil, con Joao Ribeiro e Alberto Rodríguez, do Cofradía de Pescadores de Portonovo, en terceira posición.
Nas mulleres as máis rápidas foron Elvira Longa e María Pérez, que aventaxaron en liña de meta ás deportistas do Cidade de Pontevedra Raquel Rodríguez e Lidia Martínez.
O Salnés tamén levouse a victoria parcial no xuvenil. No K-2 femenino gañaron Lidia Bayón e Miriam Durán, do Illa de Arousa, mentres que Pablo Cudillero e Rubén Gómez, de As Torres, impuxéronse no C-2 masculino.
A olímpica Teresa Portela e o concelleiro de Deportes do Grove e presidente da Federación galega, Fredi Bea, fixeron entrega dos premios ós gañadores.
Redacción Salnés