Noia pedirá o recoñecemento de Portus Apostoli peregrinando ata Compostela

portusapostoli_110510.jpgNOIA> As asociacións empresarias e o concello non desistirán no seu empeño de acadar a inclusión da vila na programación do Xacobeo.

{flowplayer}barbanza/portusapostoli.flv{/flowplayer}

As tres asociacións de empresarios da vila, Noia Histórica, Punto Comercial San Lázaro e a Asociación de Actividades Económicas e Empresarias, uniron as súas forzas para esixir que se faga xustiza recoñecendo o papel de Noia como porto clave no camiño de Santiago.

Despois de que organizaran unha charla coa participación de destacados historiadores que deixaron constancia, mesmo a través de probas documentais, da vinculación de Noia co feito Xacobeo, agora marcharán a pé ata Compostela para facer chegar ós oídos da administración a súa reivindicación.

A peregrinación gremial partirá o día 21 de maio da praza do concello. Os participantes, que se estima ronden os douscentos, percorrerán a distancia de 36 quilómetros que separa Noia de Compostela ata chegar á praza do Obradoiro onde desenvolverán un acto reivindicativo.

Os camiñantes irán agrupados en distintos gremios, que se determinarán polos anagramas das camisetas extraídos das laudas gremiais que forman parte da tradición da vila.

Discriminación

Aínda que pretenden desvincularse de calquera matiz político, os empresarios contan na súa demanda co apoio do concello. Dende a alcaldía consideran que a Xunta está a discriminar a Noia ó non formar parte dos actos que se van celebrar co gallo do Xacobeo cando conta co recoñecemento de portus apostoli por designación real e sobran documentos históricos que así o acreditan. É por iso que apoiarán tódolos actos organizados polo empresariado co fin de, alomenos, ter o recoñecemento institucional xa non neste senón de cara ó vindeiro Ano Santo.

Ademais da peregrinación gremial, as tres patronais sacarán mañá á rúa unha tirada de tres mil marcapáxinas con motivo da celebración das Letras Galegas que tamén recolle a reivindicación de recoñecer a Noia como porto xacobeo.

Redacción Barbanza