![]()
CATOIRA> A estación depuradora de augas residuais de Catoira cumpre este sábado dous meses de funcionamento. Segundo indica o Concello, …
… durante este período puidéronse comprobar xa as vantaxes que ofrecen as novas instalacións, máis modernas e con tecnoloxías moito máis avanzadas para o control de residuos.
O pasado 15 de marzo asinouse a acta de inicio do período de explotación e mantemento da EDAR por parte da empresa Espina y Delfín, que asume os gastos de explotación e mantemento durante un ano, tal e como establecen as condicións do contrato.
No proceso de inspección e verificación do funcionamento dos bombeos, equipos e instalacións comprobouse que as obras se axustan ás condicións facultativas do contrato, non apreciándose nin vicios nin defectos de construción e o correcto funcionamento da EDAR. As analíticas efectuadas demostraron que se cumpren os parámetros de vertido.
O goberno municipal lembra que o 15 de marzo de 2011 se procederá á recepción das obras e, se se cumpre co establecido na lexislación vixente, a planta será entregada ó Concello para a súa xestión e explotación de forma definitiva.
A EDAR de Catoira é unha depuradora biolóxica de lodos activados mediante sistema de aireación prolongada con eliminación biolóxica de nitróxeno e fósforo, estabilización e deshidratación de lodos por filtro de banda. As instalacións incorporan un novo tramo de colectores e o sistema terciario de desinfección con raios ultravioleta, co fin de solventar a carga microbiolóxica e mellorar a calidade das augas da Ría de Arousa, unha importante zona de marisqueo. A auga desinfectada reutilizarase e aproveitarase para diferentes procesos dentro da depuradora, así como para o rego de zonas verdes.
A nova EDAR, que contou cun orzamento de 1.391.047 euros, deseñouse para unha poboación de 5.000 habitantes.
Redacción Salnés









