Subdelegación do Goberno e Concello de Cambados avanzan na seguridade da LXXII Festa do Albariño

  • A Garda Civil empregará, como novidade, cámaras de vixilancia co obxecto de garantir a seguridade dos festexos.
  • Acordouse activar unha comisión de traballo entre Policía Local e Xefatura Provincial de Tráfico de cara á sinatura dun acordo de colaboración para mellorar o control do tráfico na vila.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu hoxe a Xunta Local de Seguridade do Concello de Cambados acompañado do alcalde, Samuel Lago. Na xuntanza tamén participaron o coronel xefe da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, a tenente da Garda Civil de Cambados, Reyes Peña, responsables de Tráfico, e o xefe da Policía Local, Jesús Chan.

O asunto principal do encontro foi  a próxima celebración da  LXXII Festa  do Viño Albariño, que terá lugar do 31 de xullo ao 4 de agosto. A xuntanza centrouse en avanzar no plan de seguridade dos festexos, que se seguirá perfilando de caras as próximas semanas. Trátase dun dos eventos máis multitudinarios do calendario estival na provincia, motivo polo que precisa dunha ampla coordinación en materia de seguridade.

Abel Losada explicou que, como en anteriores edicións, activaranse operativos especiais de tráfico, con controis de circulación nos accesos a Cambados, contando para iso de medios terrestres e aéreos. Así, terán lugar controis de alcoholemia e drogas que sirvan de prevención pola posible falta de  responsabilidade  dalgúns  condutores. 

Na Xunta de Seguridade tamén se analizaron os datos de evolución da delincuencia no  municipio e remarcouse que a taxa de criminalidade está situada en 39 delitos por cada mil habitantes, unha media moi similar á que se dá no conxunto de España, polo que se considera que Cambados é un municipio que goza dun alto nivel de seguridade.

En canto á evolución das estatísticas, o ano 2023 supuxo un repunte dun 5% no índice de delitos. Como se informou na reunión, isto débese fundamentalmente ao crecente impacto da ciberdelincuencia, pois os delitos cometidos na rede, sobre todo os relacionados con ciberestafas, practicamente se dobraron, cuestión que pesa nas estatísticas finais.

Con todo, a parte positiva radica no incremento dun 17% no índice de esclarecemento dos delitos. Ademais, tanto os delitos leves como as infraccións administrativas, que son as que moitas veces máis contribúen á sensación de seguridade cidadá, rexistraron importantes descensos do 11% e do 18% respectivamente.