BOIRO> O campo de fútbol de Vista Alegre, en Boiro, acollerá o sábado 5 de agosto o torneo solidario entre parroquias. Os fondos recadados mediante a venda de entradas e de rifas destinarase integramente á Asociación de Nenos Oncolóxicos de Galicia ASANOG.
A solidariedade é o motor do torneo interparroquial que se desenvolverá en Boiro o día 5 de agosto. Oito equipos, un por cada parroquia das que compoñen o termo municipal, medirán forzas nunha xornada na que os resultados son o de menos.
Tódolos fondos recadados irán destinados a ASANOG, entidade que apoia ós nenos enfermos de cancro e ás súas familias, como é o caso de Lara de quen partiu a idea de organizar este torneo solidario.
Ademais de colaborar coa compra de entradas e rifas en eventos solidarios como este, a asociación dispón doutras vías para a xente que queira colaborar.
Dende o concello de Boiro animan á cidadanía a achegarse a colaborar con esta boa causa ó tempo que disfrutan dunha xornada deportiva que dará inicio ás cinco da tarde.