As Torres finaliza segundo na Regata Nacional de 200 metros

piraguismo250_250510.jpgPONTEVEDRA> As Torres de Catoira acadou o segundo posto na clasificación por clubes da Regata Nacional de 200 metros que se celebrou esta pasada fin de semana en Verducido. O Breogán do Grove tamén estivo entre os mellores e rematou quinto.

O encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, acolleu a Regata Nacional de 200 metros, proba na que participou a élite do piragüismo nacional e que é puntuable para a Liga de Pista Olímpica “Hernando Calleja”.

Na competición quedou constancia unha vez máis da excelente forma na que se atopan os clubes galegos, xa que catro deles remataron entre os dez primeiros.  O primeiro e segundo posto conseguirono o Kayak Tudense (con 739 puntos) e As Torres de Catoira (con 488), repetindo os resultados que se deron nas regatas de 1.000 metros e 500 metros. Ademais o Breogán do Grove foi quinto e Náutico o Firrete, oitavo.

Así, numerosos padexeiros do Salnés e do Barbanza conseguiron subirse ó podio. De entre eles cabe destacar aqueles que se fixeron cos primeiros premios das súas correpondentes categorías. Alejandro Conde, do Unión Boiro Rianxo, venceu en C-1 xuvenil; na mesma categoría pero nas mulleres fíxose co triunfo Noelia Suárez Ogando, do Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra.

Antonio Manuel Lobato e Diego Miguens, de As Torres, impuxéronse no C-2 xuvenil. Cristian Ribademar, Damián Ramos, Jacobo Domínguez e Sami Grigore, do Breogán do Grove, adxudicáronse o senior C-4.

Esta cita dos 200 metros é a proba que determina os ránkings das categorías Junior e Sub-23, así como a clasificación para o Campionato de España de Pista, que se celebra os días 28 e 29 de agosto.

Redacción Salnés