Concello e funcionarios non chegan a un acordo sobre o seguro sanitario

    VILAGARCIA> Novo punto de desencontro entre o Goberno de Vilagarcía e os traballadores municipais.

    {flowplayer}images/salnes/protesta_funcionarios_seguro.flv{/flowplayer}

    O punto en liza arestora é o cambio no seguro sanitario: os empregados que forman parte do plantel municipal desde antes do 1993, deberán integrarse no réxime xeral da Seguridade Social e se queren continuar sendo atendidos por unha mutua deberán abonalo do seu peto.

    O Alcalde de Vilagarcía amosouse disposto a facer de intermediario co fin de que os traballadores públicos que queiran quedar cun seguro privado poidan facelo a prezos máis vantaxosos. Pola súa banda, o comité de empresa pide que se negocie cada condición particular dos 79 funcionarios ós que lle afecta.

    Os funcionarios denuncian tamén a actitude do executivo local: aseguran que desde o Concello só se lles convoca ás reunións como mera formalidade para cumprir a normativa; non sen ánimo de cambiar nada; como aconteceu ca reunión celebrada a primeira hora desta mañá. En troques, Tomás Fole aseguran que tiveron tempo dabondo posto que pouca modificación cabe ante esta decisión, que por outro lado, xa era coñecida desde fai preto dun ano.

    Esta cuestión será levada e, presumiblemente aprobada, no vindeiro pleno municipal, a celebrar o luns pola tarde. Antes diso, o executivo convocou ós representantes a unha nova reunión a media mañá na que agardan que o clima sexa máis colaborador.

    Redacción Salnés