RIANXO> Os vencedores da proba en categoría absoluta foron o marroquí, Akka Essaadaoui, en homes, e Raquel Suárez, en féminas. Baixo a organización do Club Atletismo Rianxo e o Servizo Municipal de Deportes este pasado sábado, xornada festiva de Tódolos Santos, disputouse a segunda edición da Carreira Popular de Rianxo-Cafetería Toffe. A proba reuniu na vila a preto dun 900 corredores, sumando tódalas categorías, dende os máis pequenos ata os veteráns. Os primeiros en tomar a saída, ó redor das once, dende a praza Castelao foron os máis pequenos, desenvolvéndose varios percorridos en función da súa idade. Xa ás doce tocoulle o turno ás categorías maiores. Na edición deste ano tomaron parte uns 400 atletas chegados dende diferentes clubs e localidades de Galicia, baténdose o récord de participantes en máis de cen corredores en relación coa primeira edición. Na categoría absoluta masculina a proba estivo dominada de principio a fin polo marroquí Akka Essaadaoui que fixo os dez quilómetros nun tempo de 31 minutos e 52 segundos. Tras del quedou Víctor Riobo que parou o cronómetro en 32’49’’. O terceiro en cruzar a liña de meta foi Francisco Javier Iglesias que fixo un tempo de 33’32. En canto á categoría absoluta feminina a vencedora foi Raquel Suárez que estableceu un tempo de 37 minutos e 4 segundos. Na segunda posición quedou Sandra Mosqueta cun tempo tan só 14 segundos máis alto mentres que a terceira praza foi para Mela Penas cun tempo de 39’08’’. O bo tempo existente ese día propiciou ademais unha gran afluencia de afeccionados seguindo a carreira, non só na praza, senón tamén noutros espazos polos que se foi realizando o percorrido.
Inicio Deportes