Louzán visita as obras de mellora do campo de Zacande

MEIS > O Presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, visitou onte a tarde o terreo de xogo e as instalacións do campo de fútbol de Zacande, en Meis. O ente provincial, xunto co concello, asumirá os costes da colocación de céspede artificial de última xeración.

O campo de Zacande xa está listo para a súa remodelación. Rafael Louzán, visitou esta instalación deportiva situada en Meis, acompañado polo Delegado da Xunta José Manuel Cores Tourís e o alcalde José Luís Pérez.

O convenio entre organismo municipal e provincial aínda está pendente de sinatura pero os traballos previos xa deron comezo, unhas obras complementarias acometidas polo concello de Meis anteriores á instalación do céspede.

O proxecto a executar comprenderá a realización da obra civil de infraestrutura básica, a instalación de herba artificial e dos seus compoñentes, a dotación dun xogo de porterías de fútbol once, dous xogos de porterías de fútbol sete, un xogo de bandeiríns de córner, banquiños para suplentes e un marcador. Todo suporá un investimento de case medio millón de euros dos cales a Deputación asumirá o 75% e a administración local o restante 25%.

Non será a única actuación que o organismo provincial realice en Meis. Téñense presupostados outros 600.000 euros que irán a parar ó acondicionamento no campo de fútbol municipal e do pavillón polideportivo, mellora da iluminación pública e da rede de sumidoiros, así como para a construcción de dous centros sociais en San Salvador de Meis e en Paradela.

Redacción Salnés