Comeza a conta atrás para o peche de ‘Granitos Triturados’

    granitos_triturados copia.jpgMEIS> O Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Cambados acaba de autorizar á Xunta para que expropie os terreos nos que se levanta a factoría.

    {flowplayer}images/salnes/GRANITOS_TRITURADOS.flv{/flowplayer}

    Ás oito desta mañá reuníase a Asemblea de traballadores para estudar o auto remitido onte polo xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Cambados. Nel autorízase á Xunta para que no prazo de vinte días poida entrar nos terreos nos que se levanta a empresa Granitos Triturados en Meis. Trátase dunha expropiación forzosa, xa que a parcela está afectada polas obras do nó de Curro. O peche da factoría é polo tanto inminente aínda que xa se esperaba, posto que o dono da entidade non conseguiu chegar a un acordo para trasladar as instalacións. A cuestión é que este peche levará aparellado a perda de 17 postos de traballo. Desde a CIG aseguran que os empregados aínda non recibiron a carta de despido, e ata ese momento, manteranse no seu posto. Intentarán que a súa indemnización sexa de 45 días por ano traballado, é dicir, que se consideren os despedimentos como improcedentes. Desde a CIG calculan que o montante total das indemnizacións podería ascender ós 500.000 euros, posto que se trata dunha plantilla con moita antigüidade.

    Mañá, os representantes dos traballadores acudirán á delegación da Xunta en Pontevedra para intentar entrevistarse co xefe territorial ou co responsable de infraestruturas. Intentarán que lles comuniquen cando van tomar posesión dos terreos, para dilucidar o momento no que se podería producir os despedimentos.

    Redacción Salnés