A Roberto Vázquez preséntaselle unha nova conta coa xustiza

    roberto_vazquez copia.jpgPORTAS> A Fiscalía de Pontevedra acusa ó alcalde de falsear presuntamente documentos mercantís, e dunha suposta falta contra a facenda pública.

    Segundo o ministerio público, a presunta comisión destes delitos derivaríase da actividade de ‘Pazos Souto 2000’, unha promotora inmobiliaria da que o alcalde de Portas, Roberto Vázquez, sería socio e administrador. A fiscalía pontevedresa sostén que esta firma realizou pagos a empresas que non existían pola execución de obras e reparacións en edificios, e emitiu incluso facturas e xustificantes destas operacións coa fin de reducir a base impoñible. Apunta, en concreto, á promoción dunhas urbanizacións nas Illas Canarias, en Fuerteventura, onde supostamente ‘Pazos Soutos 2000’ contratou a dúas empresas para realizar as obras; traballos, que segundo o fiscal non se puideron realizar porque por aquel entón as entidades non tiñan empregados. Ademais, indica o fiscal, o administrador destas empresas en Fuerteventura declarou presuntamente o imposto de sociedades correspondente ó 2006 cando o home falecera realmente un ano antes.

    En Canal Rías Baixas puxémonos en contacto co rexedor. Roberto Vázquez rexeitou facer declaracións a cámara, aínda que asegurou que as afirmacións realizadas pola fiscalía non son certas e afirma ser vítima dunha ‘caza de bruxas’. Vázquez recoñece que a través da sociedade ‘Pazos Souto 2000’ contrataron a unha xestora en Fuerteventura na que delegaron a contratación das obras e tódolos trámites a realizar para construír as citadas urbanizacións. Segundo o alcalde de Portas, as obras rematáronse e ‘Pazos Souto’ pagou polo traballo.

    Por estas presuntas irregularidades o ministerio fiscal solicita para o rexedor un total de catro anos de cárcere, dúas multas que superarían en conxunto os 300 mil euros, e unha indemnización ó Estado por valor de 151 mil euros.

    Redacción Salnés