![]()
O SALNÉS>O histórico narcotraficante Laureano Oubiña pasará en breve a desfrutar dun estado de semiliberdade, ó aplicárselle a nova doutrina…
{flowplayer}images/salnes/oubina_semiliberdade.flv{/flowplayer}
… do Tribunal Constitucional sobre como computar a prisión preventiva a reclusos que cumpran penas por outros delictos. Deste xeito, Oubiña que ata o xoves desfruta dun novo permiso penitenciario podería abandonar de inmediato a prisión palentina na que se atopa, para regresar á comarca da Arousa, onde estaría controlado neste novo réxime por un organismo do sistema xudicial aínda por determinar.
Esta nova foi acollida con suma inquietude pola Fundación Galega Contra o Narcotráfico quen volve a denunciar que, de novo neste caso, non se cumpriu a condena íntegra imposta no seu día por delictos contra a saúde pública; non se pagaron as multas millonarias ás que foi condenado nin se devolveu o patrimonio que se calcula que ingresou polo tráfico de estupefacientes. Amais, sobre Oubiña penden outros dous procesos xudiciais sobre branqueo de capitais procedentes do narcotráfico, que poderían supoñer novas condenas de ata 14 anos de prisión. O Presidente desta Fundación, Fernando Alonso, lamentou a concesión deste réxime aberto, en contra dos informes emitidos pola fiscalía e a xunta de tratamento do centro penitenciario no que se encontra.
Asemade, Alonso asegurou que existe un alto risco de fuga e potencialidade de volver a delinquir, tanto neste caso, como no da filla doutra lenda do contrabando e narcotráfico galego: Josefa Charlín Pomares, filla de Manuel Charlín Gama e número dous do coñecido como clan dos Charlins. A esta muller ven de serlle concedido nas últimas horas un primeiro permiso penitenciario de catro días.
Tras estas últimas decisións xudiciais, desde a Fundación Galega Contra o narcotráfico denuncian o novo panorama que se perfila: onde os novos narcotraficantes dos últimos tempos compartirán escenario cos protagonistas neste eido na década dos noventa; unha situación que entenden que pode ser perigosa para a sociedade e que pode xerar novas fórmulas enganosas de gañar cartos rápidos nesta época de crise.
Redacción Salnés











