VILANOVA> O recoñecido estudo de arquitectos Irisarri Piñera será o encargado da súa redacción, para o que disporá de 57 mil euros.
{flowplayer}images/salnes/TEATRO_VALLE_INCLAN.flv{/flowplayer}
O concello de Vilanova contará co proxecto do Teatro Valle Inclán en dous meses. Este é o prazo que manexa o goberno local, despois de que esta semana concedese a realización dos plans ó recoñecido estudo de arquitectos Irisarri Piñera.
A redacción do proxecto contará cun orzamento de 57 mil euros. A pesares de que o estudo de arquitectos contará con licenza creativa, o concello estableceu no acordo unha serie de directrices, entre elas o respecto ó mar, ó estilo de Vilanova e ó espazo que vai ocupar: a zona portuaria de A Basella.
O concello vilanovés agarda que a sala principal do edificio poida acoller entre 300 ou 400 espectadores, e que se trate dunhas instalacións modernas e funcionais que acollan representacións teatrais, concertos, exposicións e tamén cubran as necesidades de varios colectivos da localidade.
Por outra banda, Vilanova está pendente da demolición das naves de Charpo, cuxo espazo quedaría ocupado polo novo teatro. O concello agarda que Portos de Galicia licite esta actuación antes de que o proxecto estea redactado, co obxectivo de comezar as obras de construción do Teatro Valle Inclán antes de finais deste ano.
Redacción Salnés