Carducho dirixe o seu primeiro adestramento co Céltiga

ILLA> Carducho colleu as rendas do Céltiga despois da marcha de José María Rial. O técnico da Illa volve ó club no que xa adestrou durante sete temporadas para tentar revertir a mala situación pola que atravesa o equipo.

Ricardo Dios ‘Carducho’ dirixíu onte no campo da Bouza a súa primeira sesión de adestramento como técnico do Céltiga. O da Illa foi o elexido para substituír a José María Rial á fronte do primeiro equipo logo de que o luns este puxese o seu cargo a disposición do club toda vez que se vía incapaz de reconducir a mala situación que atravesaban a nivel deportivo.

A marcha de Rial semella que non sentou nada ben entre os xogadores, que se ben entenden a decisión, síntense culpables da situación.

Co de Cangas fóra, a directiva barallou tres nomes. Piscis, Oreiro, que finalmente asinou co Bergantiños en Terceira, e o propio Carducho. A elección deste último ven dada polo seu gran coñecemento da categoría, de feito ata hai un mes estivo adestrando ó Ribadumia, e tamén pola súa longa traxectoria vencellada ó Céltiga, ó que xa adestrou durante sete temporadas ademais de traballar en varias etapas cos equipos de base.

Con este, son xa tres os movementos que houbo esta temporada nos banquiños do Salnés. O primeiro en ser destituído fora Ricardo no Portonovo, o seu lugar ocupouno Jacobo Molina. Logo sería Carducho o segundo en abandonar neste caso o Ribadumia para deixar o seu posto a Ramiro Sorbet. Agora o propio Carducho substitúe a Rial coa intención de devolver a ledicia á bancada do Salvador Otero e de achegar ó equipo á parte alta da xeral, onde poida loitar polo seu obxectivo da temporada, o ascenso. Os trece puntos que o separan do segundo clasificado semellan moitos a estas alturas pero a reacción podería comezar a fraguarse este domingo cando reciban precisamente ó segundo na táboa, o Verín.

Redacción Salnés